Galicia solicita a acreditación de competencias profesionais no ámbito das titulacións deportivas de réxime especial no ámbito da Conferencia Interterritorial para o Deporte

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no día de hoxe na Conferencia Interterritorial para o Deporte convocada polo Consello Superior de Deportes (CSD) onde, en nome da Comunidade Autónoma de Galicia, solicitou a este organismo que realice as xestións oportunas para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lexisle a acreditación de competencias profesionais no ámbito das titulacións deportivas de réxime especial, ao igual que ocorre na Formación Profesional.

Segundo informou a titular do Deporte galego na súa quenda de intervención, “o deporte está recoñecido polo CSD como un sector emerxente de ocupación e nel traballan moitas persoas que aprenderon a súa profesión no seu posto de traballo e que carecen dunha titulación que acredite e poña en valor os seus coñecementos”. Deste xeito, sinalou a secretaria xeral, “a posta en marcha deste proceso permitiríanos facilitar o acceso a unha formación oficial por parte dos profesionais que exercen o seu traballo sen a devandita titulación”.

A responsable da carteira de Deporte da Xunta de Galicia apuntou que, actualmente, no Catálogo Nacional de Competencias Profesionais, dentro da Familia Profesional de Actividades Físicas e Deportivas aparecen recollidas un total de 35 cualificacións profesionais. No nivel de cualificación 1 só existe unicamente unha, no nivel de cualificación 2 existen 26 e no nivel de cualificación 3 existen 8.

Primeira xornada da Conferencia Interterritorial

A primeira xornada da Conferencia Interterritorial para o Deporte serviu para que as diferentes Comunidades Autónomas expuxeran diversos asuntos en función dos seus intereses.

Deste xeito destacaron como temas a debater a elaboración dun proxecto de Lei do Deporte, a organización de competicións deportivas estatais escolares e universitarias, e a axilización dos procedementos de subvención para Centros de Tecnificación Deportiva, por parte da Comunidade de Aragón; as competencias das Federacións de Atletismo e Montaña, a regulación do sector deportivo profesional e as melloras das axudas do CSD aos desprazamentos á península, por parte da Comunidade de Illas Baleares; a mellora das infraestruturas deportivas dos Centros de Tecnificación Deportiva coa categoría Nacional, a formación do profesorado no contexto ‘Muller e Deporte’, os dereitos de explotación de contidos audiovisuais das competicións de fútbol profesional para deportistas de alto nivel, a posibilidade de que os deportistas de alto nivel becados polas Comunidades Autónomas por resultados nacionais ou internacionais poidan ter unha excepción na declaración do IRPF e o plan de actuación na loita contra o sedentarismo e os hábitos de vida saudable, por parte da Comunidade de Extremadura; o convenio entre a Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia e a Unión de Federacións Deportivas da Rexión de Murcia para a difusión e asesoramento sobre políticas activas de emprego ás entidades do sector deportivo, por parte da Comunidade de Murcia; a situación da licenza única en cada federación española, por parte da Comunidade do País Vasco e a tramitación da licenza deportiva para futbolistas menores estranxeiros e o destino das achegas recibidas polas Comunidades Autónomas procedentes de Loterías e Apostas do Estado, por parte da Generalitat Valenciana.

Xa pola tarde, o presidente do CSD, José Ramón Lete Lasa, interviu acerca da reforma do marco regulatorio do deporte español.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *