LETE LASA E AS FEDERACIÓNS GALEGAS REACTIVAN OS GRUPOS DE TRABALLO NA PROCURA DUN MODELO COMÚN PARA RETOMAR A ACTIVIDADE DEPORTIVA AUTONÓMICA AXUSTADA AO ESCENARIO ACTUAL

Cítanse dentro de quince días para, na medida do posible, comezar a implementar novas medidas que permitan avanzar cara a recuperación da normalidade na práctica deportiva galega

Santiago, 25 de agosto de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo dúas xuntanzas de xeito presencial coas federacións de deportes colectivos e as federacións de deportes de contacto e manterá unha máis no día de mañá de xeito virtual coa totalidade de federacións, para estudar a situación actual e comunicar os avances realizados por todo o tecido deportivo galego na loita contra a Covid-19.

Nestes encontros, os responsables da Secretaría Xeral para o Deporte e das federacións deportivas galegas acordaron reactivar os grupos de traballo na procura dun modelo común para retomar a actividade deportiva autonómica axustada ao escenario actual e volvéronse citar dentro de quince días para, na medida do posible, comezar a implementar novas medidas que permitan avanzar cara a recuperación da normalidade na práctica deportiva galega.

Neste sentido, o secretario xeral avanzou que a Xunta xa ten elaborada unha proposta de flexibilización das normas no ámbito deportivo que no momento actual permite deporte sen contacto para grupos de ata 25 persoas. Esta proposta conta, na súa primeira versión, coa aprobación da Consellería de Sanidade, e vai dirixida a facilitar o traballo dos nosos mellores deportistas (deportistas de alto nivel clasificados para Toquio 2020 ou en proceso de clasificación), os nosos deportistas con maiores necesidades (deportistas de especialidades deportivas adaptadas individuais con guías ou persoas de apoio), así como os equipos que poidan sufrir prexuízos co resto de equipos das súas competicións estatais.

Cambio de parecer no CSD

A reactivación dos grupos de traballo a nivel autonómico coincide coa decisión do Consejo Superior de Deportes, comunicada hoxe aos distintos responsables autonómicos, da creación dunha plataforma de coordinación con todas as federacións e comunidades, así como a elaboración dun protocolo marco para as competicións non profesionais de ámbito estatal.

O cambio de parecer do CSD prodúcese tras meses de peticións e denuncias realizadas pola Xunta así como por outras administracións autonómicas en defensa do deporte non profesional de ámbito estatal ao que o Consejo situou nunha “segunda categoría” por detrás do deporte profesional. Lete Lasa lembrou que “o deporte de ámbito estatal é unha competencia estatal irrenunciable”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *