POR E PARA O DEPORTE GALEGO

A campaña en Redes Sociais #ForteCoDeporte quere facer ver á sociedade e ás Administracións que o deporte federado é garantía de cumprimento de todas as medidas de seguridade.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020. A Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA), en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, lanza este venres 8 de outubro a campaña en redes sociais #ForteCoDeporte para fomentar o deporte federado seguro.

O obxectivo non é outro que impulsar a práctica deportiva federada durante a situación de pandemia na que nos atopamos, así como instar á sociedade e á Administración a seguir apoiando ao deporte federado.

A intención é que no día de hoxe e durante toda a fin de semana todas as Federacións Deportivas da nosa comunidade, clubs, deportistas e a sociedade en xeral compartan ou suban ás súas redes sociais unha imaxe personalizada do deporte que realizan acompañado do cancelo #ForteCoDeporte.

Con esta acción, a Unión de Federacións Deportivas Galegas que preside Rafael Louzán quere facer ver á sociedade e ás Administracións que o deporte federado é garantía de cumprimento de todas as medidas de seguridade.

O coronavirus demostrou ser un virus difícil de vencer. Os seus continuos brotes ao longo e ancho da nosa xeografía dan mostra de que por moi acazapado que creamos que está, a súa capacidade de reaparecer segue sendo alta.

Diversos estudos salientan que o deporte é unha das solucións para loitar contra a Covid-19 porque a súa práctica axúdanos a aumentar as defensas do noso organismo. Dito doutro xeito, a mellorar o noso sistema inmunolóxico.

Por todo isto, a UFEDEGA quere concienciar ás Administracións e á sociedade que a práctica deportiva en tempos de pandemia é unha cuestión capital.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *