O club nace da iniciativa de Luis Guimeráns e conta cunha formación 100% galega composta por María Lago, Carla Fernández, Sara Fernández, Tatiana Casal e Laura Martínez.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na tarde de hoxe na presentación do Club Baloncesto Vigo 3×3, o único equipo galego que disputa a Liga Nacional Femenina de baloncesto 3×3 e que conta co apoio da Xunta de Galicia. O mandatario galego asegurou que “os deportes urbanos e o deporte feminino viven un momento de esplendor en Galicia no que ser muller, galega e deportista é, moitas veces, sinónimo de ser campioa”.
Neste sentido destacou a importancia do Club Baloncesto Vigo 3×3 que xa comezou a súa andaina na liga nacional, conseguindo na primeira xornada un meritorio quinto posto. Do mesmo xeito, agradeceu o traballo e a iniciativa deste equipo a Luis Guimeráns, un deportista vinculado ao 3×3 dende os anos 90, e que agora formou este equipo con cinco rapazas galegas con experiencia: María Lago, Carla Fernández, Sara Fernández, Tatiana Casal e Laura Martínez.
Lete Lasa apuntou o nivel que está a coller un deporte como o 3×3 que é olímpico dende Tokio 2020. Ademais lembrou como a selección feminina española acadou en París unha valiosa medalla de prata. A pesar de non estar nesa selección olímpica, a xogadora baionesa, Marta Canella, leva moitos anos axudando ao equipo nacional como, por exemplo, no Europeo de Francia de 2021 no que se colgaron o ouro. Do mesmo xeito, o responsable do Deporte galego destacou o papel do coruñés, Carlos Martínez, como un fixo da selección masculina.
Por último, Lete Lasa destacou asemade o papel doutro equipo galego na liga nacional 3×3, neste caso a masculina como o Groinn Santa Baia de Boiro, que tras seis xornadas tamén está a realizar un gran papel na cuarta posición da clasificación xeral.