COMUNICADO SOBRE A UTILIZACIÓN DA MASCARILLA NO DEPORTE

As federacións deportivas galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, levan traballando dende o mes de marzo de 2020 en protocolos e medidas que poidan garantir e minimizar os riscos ante a COVID-19 no ámbito deportivo. As reunións, de carácter periódico, realizáronse por grupos con modalidades que comparten certas similitudes fronte aos riscos potenciais en relación ao virus; a seguridade sanitaria e xurídica son os principais piares sobre os que xira o proxecto de reactivación do deporte galego, un proxecto que busca manter o tecido deportivo para que non sufra danos irreversibles.

A medida do uso da máscara no deporte federado con contacto, publicada no DOGA do día 17, supón un importante primeiro paso de cara ao regreso de todas as modalidades deportivas; trátase dunha medida consensuada polas federacións e fundamentada en longos estudios técnicos e sanitarios; non podemos obviar que dezasete federacións están baixo un confinamento deportivo sen precedentes e as demais están a realizar as súas actividades con importantes limitacións.

Desgraciadamente a situación actual definiu unha nova realidade en todos os ámbitos das nosas vidas, unha nova realidade que aínda que pretendamos asimilala ao pasado, nestes momentos supón o escenario no que nos toca actuar. O deporte, o deporte galego federado, lamentablemente non pode escapar a unha pandemia destas características, temos que reinventarnos e adaptarnos progresivamente á situación sanitaria.

O uso da máscara no deporte federado supón un raio de luz para moitas modalidades deportivas que estaban inmersas nun túnel sen saída; é unha medida á que podemos acollernos e sobre a que teremos que adaptar as nosas modalidades para que sen perder a nosa esencia a convertamos nun elemento compatible e de garantías para os nosos deportes. A resolución do DOGA abre as portas a medidas alternativas de protección ás que poden acollerse as federacións e sobre as que traballar para a reactivación deportiva; medidas que non impliquen o uso da máscara, pero que requiren unha maior concreción e análise, labores que xa se están a levar a cabo.

A Unión de Federación Deportivas Galegas quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade á sociedade galega, e amosa total confianza no traballo que se está a levar a cabo dende as propias federacións e dende a Secretaría Xeral Para o Deporte para retomar a normalidade, traballo que se realiza en base a importantes estudos técnicos, legais e sanitarios.

O deporte galego debe seguir unido en prol da reactivación, cada medida supón un paso máis cara o obxectivo final; apoiemos os avances e confiemos nos criterios.

#DeporteSeguro #Somossolución

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *